Thursday 02 de May de 2024

Unha colección de coches antigos acompañará a procesión na honra de San Cristovo polas rúas de Riveira


O evento terá lugar este domingo 9 de xullo

As rúas da cidade van dar cabida este domingo día 9 de xullo a unha nova edición da Procesión de San Critovo: un evento moi popular en épocas pasadas entre a sociedade riveirense que volve a rexurdir polo empeño da asociación Alfaia, o Concello de Riveira e parroquia de Santa Uxía.

Desta vez, a programación arrancará ás 10 horas co disparo de bombas de palenque e unha alborada a cargo do grupo de gaitas Xiada para dar paso ás 12.30 horas a unha misa solemne na igrexa parroquial cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil de Riveira: A liturxia celebrarse na honra de San Cristovo e nela se recordará ás vítimas de accidentes de tráfico.

A continuación terá lugar a procesión dende a Porta do Sol ata o Recheo do Malecón para bendición dos vehículos participantes. Como novidade, cómpre salientar que está confirmada a participación de 15 coches clásicos por cortesía de Escaravallo Club de Galicia, con sede na cidade da Coruña.

Bendición
O percorrido sairá da Porta de Sol e pasará por rúa de Galicia, Romero Ortiz, a rotonda da terminal de autobuses e recheo do Malecón, onde terá lugar a bendición dos vehículos. A continuación a comitiva regresará dende o Malecón ata a Porta do Sol pasando polo García Bayón, Lepanto, Miguel Rodríguez Bautista, Alcalde Fernández Bermúdez e Rosalía de Castro.

Toda esta programación foi presentada hoxe pola concelleira de Cultura Herminia Pouso e Puri Cores no nome da asociación Alfaia. Tamén estaba prevista a asistencia do cura de Santa Uxía Cesáreo Canabal, que por imprevistos de última hora non puido asistir se ben durante a presentación se enfatizou a implicación da parroquia na organización deste evento, ademais de convidar a todos os veciños a que se animen a participar.